Apartamentos Rodeiramar, a relaxing weekend…
O de pasar unha fin de semana no Morrazo ven como consecuencia do premio que tiven no I Foro Proturga sobre Turismo Deportivo que tivo lugar o 27 de Abril en Pontevedra. Por ter o número 4 tiven a oportunidade de gozar dunha finde completa nos Apartamentos Rodeiramar de Cangas. Fran -o dono- deixoume cambiar 2 noites para 2 persoas por unha para catro.
Crónica do premio Proturga, navegar pola ría de Vigo
O sábado 6 facía sol en Compostela, e en toda Galiza. Era a primeira finde de verán que facía bo e todas as praias galegas estaban ateigadas de xente. Nós os 4 fomos cara Ría de Aldán, para ir facendo tempo, pois quedaramos ás 21 horas con Fran. Comimos unhas racións na taberna que hai no porto (o Bar Muelle, pero máis coñecida como “la de Diego”), e que rico estaba todo: os mexilóns, as navallas, as xoubas, os pementos, o pulpo… todo! De feito logo vimos na rede que este bar o recomenda Merchi Rodal, a “larpeira”, no seu blog.

Terraza do Bar Muelle, en Aldán
A verdade é que despois dun inverno bastante fresco e prolongado ter unha tarde de praia como a que tivemos agradécese. As praias do Morrazo estaban cheas (a última semana de xuño fixera frío e os hostaleiros estaban preocupados pola campaña de verán), pero como todos tivemos a sorte de gozar, non foi así. E despois de pasar a tarde na Praia de Pipín -entre sombra e chapuzón- ás 21 horas estábamos en Cangas.
Esperamos na recepción dos Apartamentos Rodeiramar2A e de seguido apareceron Fran e Merchi, co seu habitual derroche de simpatía, unha fortaleza do negocio. Fomos ata o clube náutico para ver o barco no que iamos durmir e navegar ao día seguinte, e tras unha ducha saímos a pinchar algo (estaban coaIII Feira da Tapa “Cangas sabe ben”), e cear. Facía unha noite tan agradábel que daba magoa abandonar a terraza que tan gustosamente ocupamos para tomar uns gintonics.
O domingo amenceu soleadísimo, era o presaxio dunha xornada na que ía facer unha calor abafante, como así foi. Almorzamos no Náutico, fixemos os preparativos (ducha, trikini, coletas…) e fomos mercar a comida e bebida para todo o día. Ás 12 chegou Fran e comezamos a navegar pola ría de Vigo. Unha magoa non poder ter ido cara Cíes, pero claro, xa se deran todos os permisos de fondeo…
O tráfico marítimo era tamén intensísimo, todo o mundo quixo aproveitar o primeiro domingo en condicións para saír a pasear no barco. Pasamos por diante da vella factoría Massó mentres Fran nos contaba os proxectos que houbo e as pretensións que os propietarios e concello tiñan (pra botarse a chorar!!).
E sobre a unha do mediodía estabamos xa pegándonos o primeiro chapuzón fronte a praia de Barra, tamén chea de veleiros.
Xusto despois de comer, e como tiñamos 2 buzos a bordo, miramos como se preparaban para a inmersión. Mentres, nós tomábamos o sol e nos tirábamos á auga para refrescarnos, mentres esperábamos que nos trouxeran a cea.
Xa de regreso para Cangas vimos ás Cíes e pensamos a ver cando íamos a ese paraíso natural. Alugar un día de veleiro (con ou sen patrón) a Fran sempre sería unha posibilidade.
Au revoir…
Escrito por Luis Mª Ulloa Guitián
- Publicado en Foro