Falamos con… Juan Segade
Hoxe FALAMOS CON… Juan Segade, Guía turístico especializado de Galicia
SOBRE TI…
ESTUDOS: Técnico Superior en Información e Comercialización Turísticas.
PROFESIÓN/EMPRESA: Guía turístico especializado de Galicia GE-364-XG que traballo coa miña marca persoal, Compos Tours.
ONDE: Santiago de Compostela.
TRABALLA NO SECTOR DENDE: Setembro de 2006, cando fixen as prácticas do ciclo de FP na oficina de INCOLSA – Turismo de Santiago. Durante estos anos realicei traballos tan dispares como axente de viaxes en Viajes Viloria, recepcionista en Stellae Luscofusco B&B, guía de free tours en Santiago D.C. Freetours…
AUTODESCRICIÓN: Un guía picheleiro apaixoado pola súa profesión que non deixa de aprender no día a día.
SOBRE A VIDA…
UNHA EXPERIENCIA: No ámbito persoal, marcoume moito facer no ano 2018 o Camiño de Santiago, dende Valença do Minho. Profesionalmente, como guía quédome coa oportunidade de coñecer persoas que agochan historias moi interesantes. Por exemplo, nunha excursión a Fisterra tiven unha viúva que levaba consigo as cinzas do seu marido nun crucifixo e axudeina a liberar o obxecto e que os restos do defunto repousaran no mar fisterrán.
AS PEQUENAS COUSAS: Son as que marcan a diferenza. Un dito vital é “desfruta das cousas boas e aprende das malas”.
UNHA EXPECTATIVA…
Que tanto os visitantes como a xente local de Santiago de Compostela, rachen co concepto “catedralcentrista” e descobran o enorme patrimonio que temos na bisbarra: castros, petróglifos, mámoas, restos románs (aras, tumbas…), o acueducto de Xelmírez, o castelo da Rocha Forte, a colexiata de Santa María “A Maior e A Real” de Sar, a xudería…
PARA DESCONECTAR…
O TEU RECUNCHO PREFERIDO DE GALICIA (só un!)?: Quedei prendado de Porto do Barqueiro, no concello coruñés de Mañón. Unha fermosísima vila mariñeira preto de Estaca de Bares, un lugar cheo dun encanto especial. Zona ideal para unha escapada.
SOBRE O TEU TRABALLO/PROFESIÓN…
A MELLORAR: Medidas contra o intrusismo profesional e as condicións de traballo. Tamén cos máis de 10 anos que levo como guía acreditado e por vivencias de varios compañeiros, lamento dicir que os guías turísticos non somos un colectivo unido e fraterno. Teño a esperanza que esta situación se revirta coa vontade de todos nós, sería beneficioso para todos.
A SALIENTAR: Nesta tempada aprendín a valorar o mero feito de que alguén visite Galicia cos tempos que corren.
UNHA REFLEXIÓN FINAL: Por moito que na vida atopemos dificultades, estas están para seren superadas. Vivimos nun recuncho do mundo tan rico en diversos aspectos que ás veces penso que nos conformamos co básico e deberiamos aventurarnos a profundizalo. Sairíamos gañando, seguro.
- Publicado en Entrevistas asociados e asociadas