CRÓNICA VI FORO PROTURGA- O TURISMO TERMAL COMO DINAMIZADOR DE DESTINOS
O pasado día 29 de marzo tivo lugar en Cuntis o VI FORO PROTURGA, adicado nesta ocasión ao TURISMO TERMAL COMO DINAMIZADOR DE DESTINOS. Este evento estivo composto por mesas redondas, unha ponencia – taller e outras actividades paralelas:
MESA REDONDA. TURISMO TERMAL COMO REVULSIVO DOS DESTINOS DE INTERIOR. Nesta Mesa Redonda realizouse unha análise dos destinos termais de interior de Galicia e do que supón este tipo de oferta no turismo destes territorios. Asemade, achegámonos á xestión destes destinos e aos retos aos que se enfrontan.
MESA REDONDA. SITUACIÓN ACTUAL DO TURISMO TERMAL. RETOS DE FUTURO E COMERCIALIZACIÓN. Analizouse a situación actual e as características dos centros de turismo termal en Galicia, a demanda deste tipo de turismo, as fórmulas de comercialización e os retos de futuro.
PONENCIA – TALLER. PROPIEDADES DAS AUGAS MINEIROMEDICINAIS. TÉCNICAS E TERAPIAS TERMAIS.Ponencia na que se deu a coñecer os tipos e propiedades das augas mineromedicinais de Galicia así como as diferentes terapias termais, o que nos achegou a unha visión global dos balnearios galegos.
Asemade, realizáronse outras actividades paralelas como:
- Café networking no balneario Termas de Cuntis, co obxecto de fomentar as sinerxías entre os empresarios e profesionais.
- Premio Proturga. En tódalas edicións do Foro Proturga entregadase un premio a un socio/a por cuestións relativas á temática do foro na súa traxectoria profesional. Nesta ocasión fíxose entrega deste premio a Verónica Pichel Guisande, anterior presidenta de Proturga, por varios anos adicados a esta asocación e pola continuación da súa participación activa na actualidade.
- Visita ao Balneario Termas de Cuntis
- Visita “Orixe Termal de Cuntis” e á Fundación Terra Termarum. Realizouse unha visita guiada da man do Técnico de Turismo de Cuntis, Manuel Sayar, e do Concelleiro de Cultura e Turismo de Cuntis e historiador Diego Torres.Ambos convidáronnos a coñecer a tradición termal de Cuntis.A auga mineromedicinal nesta vila deu lugar ao balneario Termas de Cuntis e tamén a burgas con nomes curiosos coma “Lume de Deus”.
CONCLUSIÓNS
A auga como recurso singular, único con moitas potencialidades.
Con máis de 300 mananciais de augas mineromedicinais, 23 balnearios con máis de 300 prazas hoteleiras e 5 centros de talasoterapia; Galicia é unha potencia en turismo termal e de saúde á que aínda lle queda moito percorrido. Asemade, 17 balnearios atópanse en entornos rurais e actúan como dinamizadores da zona, xeran riqueza, emprego directo e un efecto multiplicador noutros negocios da contorna.
“Ourense ten ese gran mar de augas agochadas” (ReginaPolín Rodríguez).
A maioría dos balnearios galegos teñen 3 ou mais estrelas e destacan polo seu compromiso coa calidade, posto que moitos deles dispoñen da Q de calidade turística.
Neste foro identifícanse unhas NECESIDADES claras no turismo termal:
- COLABORACIÓN PÚBLICO-PRIVADA PARA REFORZAR A CONCIENCIACIÓN DE QUE AS AUGAS MINEROMEDICINAIS SON UN RECURSO DIFERENCIADOR PARA GALICIA
As augas mineromedicinais son un recurso diferenciador de Galicia con grandes posibilidades pero que precisa un esforzo de posicionamento mediante o apoio público e o privado.
Produtos como os balnearios, termas e burgas entre outros; teñen gran capacidade de atracción de visitantes e poden supoñer revulsivos para os territorios, xerando un efecto multiplicador importante no consumo local.
Dende as administracións públicas representadas neste foro apóstase polo uso público das augas mineromedicinais de forma complementaria á iniciativa privada. O labor destas iniciativas debe ser a dinamización dos destinos, dando a coñecer os recursos e produtos e beneficiando á iniciativa privada e ó destino. Como exemplo, a administración defende o caso de Ourense, no que as termas actúan como polo de atracción ao destino e tamén ao coñecemento do mesmo.
Apóstase pola creación de sinerxías, a sostibilidade para conservar o recurso e a concienciación da poboación local.
- REVISIÓN DA LEXISLACIÓN EN BALNEARIOS.
Os relatores consideran preciso a revisión e actualización da lexislación relativa ao uso das augas termais tendo en conta o sector público e o privado. As voces asistentes ao foro solicitan que se valoren cuestións como as seguintes:
- As termas de uso público son competidoras dos balnearios ou compleméntanse con esa oferta privada?
- Son as termas públicas un reclamo para que os visitantes potenciais descubran o destino por primeira vez e, polo tanto, descubran tamén a oferta privada; ou pola contra, realizan unha competencia desleal?
- É posible unha oferta de termas e de balnearios que se complemente e enriqueza o destino?
- EVITAR A ALTA DEPENDENCIA DO MERCADO DE PROXIMIDADE E DE PROGRAMAS COMO OS IMPULSADOS POLO IMSERSO. EXPLORAR NOVOS SEGMENTOS: INFANTIL E XUVENIL E DE LONGA ESTANCIA.
Na actualidade existe unha gran dependencia dos balnearios polo mercado de proximidade e por programas como aqueles impulsados polo IMSERSO. Deste xeito, estanse perdendo moitos nichos de mercado polo que é preciso diversificar e dirixirse a outros mercados potenciais.
Fronte á gran dependencia do Imserso, neste foro lánzanse varias preguntas:
- É o Imserso unha garantía? Ou pola contra, “acomoda” moito?
- A onde queremos chegar? Realmente este modelo actual, estancado nuns poucos mercados ten percorrido a medio e/ou longo prazo?
- Estamos realizando a promoción adecuada para posicionar o turismo termal como un referente en Galicia?
- Estase comercializando da maneira axeitada?
- PROFESIONALIZACIÓN DO SECTOR E EVOLUCIÓN
Tal como sucede en xeral con todo o sector turístico, no eido do turismo termal tamen se precisa mellorar na profesionalización deste subsector para logran unha evolución e rematar co estancamento.
É preciso unha evolución que se manifeste en diferentes aspectos:
- Evolución nos tratamentos e tratamentos persoalizados.
- Esquecer as tempadas e buscar posicionamento.
- Técnicas de comercialización como revenuemanagement, integración en paquetes (os touroperadores non teñen presenza de balnearios), análise das necesidades de diferentes perfís da demanda en auxe como turismo familiar, millenials, etc.
- INTEGRACIÓN CON OUTROS PRODUTOS.
Na actualidade os balnearios están pouco integrados co resto da oferta dos destinos. Sen embargo o turista cada vez demanda máis experiencias no destino, buscando así formar parte dos territorios. Por este motivo, buscar a complementariedade do turismo termal cos recursos e servizos do destino é algo fundamental.
As augas termais teñen dúas vertentes, por un lado acurativa e, por outro, como lugar de relax. Os balnearios teñen un rol importante a balneoterapia como tratamento preventivo, curación, etc…Hai un aumento da poboación envellecida.
Debemos transformar a oferta turística e complementala coa paisaxe e unila con diferentes variedades turísticas como deporte, gastronomía, cultura, patrimonio.
Algún exemplos expostos que neste intre temos en Galicia da unión de Balnearios con outros produtos que contribúen ádesestacionalización son:
*Balneario de Laias, xerando valor mediante a creacióndun produto que vincula o balneario co deporte, en concreto co remo (veñen equipos de remo de todas as partes do mundo a preparar as pretemporadas no balneario) – Internacionalización.
*Balneario de Lobios + BTT.
*Vertente médica:O Centro sanitario Carmen unido ó Balneario de Laias.
*Segmento senior (+50anos) é un producto cunha evolución moi grande coa axuda dos entes públicos e privados.
*Trens + balnearios (rutas dende diferentes puntos de Galicia en tren). Por cada euro invertido pola administración recupérase 2,4€.
Se nos xuntamos podemos ser invatibles. Temos que pensar todos en conxunto.
Precisamos de todo e de todos, pois o turismo termal aínda ten moitas posibilidades.
- Publicado en Foro, Sin categoría, Turismo
Próximo Foro Proturga. Do turismo accesible ao sensitivo. 1 e 2 decembro. Pontevedra
Cada ano PROTURGA como asociación de Profesionais do turismo de Galicia oferta diversas actividades, entre as que destacan os talleres de turismo accesible, e este ano para profundar máis, non podía faltar o IV Foro PROTURGA – Do Turismo Accesible ao Turismo Sensitivo – no que poden inscribirse profesionais e empresas tanto do sector turístico como doutros.
Nesta edición vanse expor temas importantes e que afectan a todos os sectores implicados no turismo, pois, turismo somos todos e Galicia tense que implicar con todos os turistas.
Por iso necesitamos un turismo accesible para todos, para que as persoas con diversidade funcional (física, visual, auditiva, sensorial, etc) poidan desfrutar tamén de Galicia como destino turístico.
“Facer sentir o destino Galicia como unha experiencia única para todos”
O Foro terá lugar o xoves 1 e venres 2 de decembro no Auditorio da Cidade Infantil Príncipe Felipe en Pontevedra.
A primeira xornada inaugurarase coa mesa redonda sobre “Necesidades dos turistas con diversidade funcional” e contaremos para falar do tema con membros da FAXPG, ONCE e a Asociación Juan XXIII.
Durante o descanso, os alumnos e profesorado do CIFP Carlos Oroza teñen preparado para todos os participantes un café sensitivo onde poremos a proba os nosos sentidos.
A mañá finalizará cunha mesa que tratará da aposta polo turismo accesible a nivel destino con exemplos de experiencias turísticas accesibles como os de Arousa Norte ou das empresas Hydronauta e o futuro proxecto de Cabanas accesibles en Outes.
Na quenda da tarde continuaremos cunha visita sensitiva por Pontevedra a cargo tamén do alumando do Carlos Oroza que pon en valor o traballo desenvolvido nestos últimos anos no centro en canto ao compromiso có turismo accesible e a capacidade creativa para deseñar experiencias turísticas baseadas no sentidos.
O venres darase paso no foro ás “Pautas de atención a un cliente con diversidade funcional – visual e auditiva – con relatorio por parte da ONCE e dunha Intérprete en Lingua de Signos.
Un monumento, un lugar, pódese visualizar non só coa vista tamén co tacto, cos sentidos, podendo darnos moitos datos como a forma ou tamaño, o ambiente, os olores, os sons …
O braille, os soportes táctiles, a lingua de signos, etc, son outras opcións para que todos poidamos desfrutar por exemplo dunha visita guiada. Un grupo pode ser moi diverso e pódese chegar a todo o noso público facendo uso de diferentes medios.
Para seguir poñendo a proba os nosos sentimos durante esta segunda xornada poderase desfrutar dunha cata sensitiva de queixos D.O Galicia e pans. Influír na mente a través dos sentidos, educar ao cerebro a recoñecer esencias, sabores aos que habitualmente non todos estamos acostumados a desenvolver.
Finalizaremos cunha Comida Sensitiva no Restaurante do Carlos Oroza a cargo tamén do alumnado do centro.
Quédanos moito por avanzar en materia de accesibilidade pero si cada un pomos o noso gran de area seguirmos NO BO CAMIÑO.
Eliminemos as barreiras mentais que son as máis difíciles de superar.
Destacar por último, que nesta edición, ademais de contar coa colaboración do CIFP Carlos Oroza, a empresa PROMOVE e todos os nosos socios particulares e empresas, contamos có patrocinio da Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas a través das axudas concedidas ás asociacións sen ánimo de lucro para actuacións e actividades de carácter turístico.
Máis información: http://proturga.org/iv-foro-experiencial-proturga/
- Publicado en Actividades, Foro, Sin categoría, Turismo, Turismo accesible
Crónica do III Foro Proturga.Turismo Náutico e Mariñeiro en Galicia: Situación actual e retos para o futuro.
O pasado día 9 de maio de 2015 celebrouse o III Foro Proturga, adicado ao “Turismo Náutico e Mariñeiro en Galicia: Situación actual e retos para o futuro”.
Dito evento tivo lugar na cidade de Vigo, na sede do Parque Nacional das Illas Atlánticas, e contou con representación de entidades do sector público e privado relacionados con este tipo de turismo. A xornada dividiuse en 3 mesas redondas co obxecto de abordar o tema dende diferentes perspectivas e situacións:
- 1ª Mesa: Iniciativas en Turismo Náutico e Implantación en Destino Galicia e Portugal.
- 2ª Mesa: Iniciativas en Turismo Mariñeiro e Implantación en Destino.
- 3ª Mesa: Comercialización do Turismo Náutico e Mariñeiro.
Asemade, leváronse a cabo outras actividades como a Degustación a cargo de “A Perla Illas Cíes” de patés de nécora e centola e galletas mariñeiras, a entrega do III Premio Proturga e un Xantar Networking.
O Foro comezou coa inauguración do mesmo a cargo de Mª Ángeles Herrero Pérez (Xefa da Área Provincial de Turismo de Pontevedra), José Antonio Fernández Bouzas (Director Conservador do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia) e Verónica Pichel Guisande (Presidenta de Proturga).
A continuación deuse paso á primeira mesa, Iniciativas en Turismo Náutico e Implantación en Destino Galicia e Portugal, moderada por Didier Maurice. Na mesma, os diferentes relatores puxeron de manifesto tres ideas fundam
entais da actualidade do sector:
– Ningún dos relatores está satisfeito co marco lexistativo actual para o turismo náutico, teñen que facer fronte a cánones e taxas demasiado elevadas, existe unha dependencia sectorial e estacional demasiado grande e políticamente non se apoia este tipo de turismo.
– Existe unha gran falta de promoción do turismo náutico, séguese asociando o mar a turismo de sol e praia, polo que dende o propio territorio non se loita contra a estacionalidade nin se promove a diversificación.
– O Turismo Náutico está ligado ao deporte aínda que esta realidade non se ten en conta á hora de impulsar este tipo de turismo como actividade deportiva.
De seguido comezou a segunda mesa, Iniciativas de Turismo Mariñeiro e Implantación en Destino, moderada por Fátima Cachafeiro e na que se representaba o sector privado neste tipo de turismo. As conclusións desta mesa foron as seguintes:
– O marco lexislativo para este tipo de turismo é absolutamente perxudicial para o sector privado. Son moitas as trabas, dende a dificultade para atopar persoal profesional e capacitado ata para levar a cabo a unión tan lóxica entre turismo mariñeiro e gastronomía; pola imposibilidade de cociñar nos barcos e as dificultades para realizar talleres de coc
iña cos produtos capturados nese momento.
– O maior punto forte deste tipo de turismo é a gran cantidade de recursos naturais, etnográficos, gastronómicos e culturais materiais e inmateriais que posúe Galicia.
– O punto débil do Turismo Mariñeiro en Galicia é o gran descoñecemento destes recursos dentro da comunidade, a pouca valorización dos mesmos, e que se sigue comercializando o territorio como destino de sol e praia case exclusivamente.
– É necesario concienciar aos propios galegos sobre os produtos relacionados con este tipo de turismo e da súa potencialidade, atraer o turista de proximidade e, máis adiante, converter Galicia nun referente internacional en Turismo Mariñeiro.
Unha vez rematada esta mesa deuse paso á degustación de patés de nécora e centola e galletas mariñeiras para posteriormente levar a cabo a terceira e última mesa do evento, Comercialización do Turismo Náutico e Mariñeiro, moderada por Fátima Rodríguez e na que se deron cita relatores relacionados coa intermediación. Nesta mesa púxose de manifesto o seguinte:
– Algunhas zonas de Galicia que presentan gran idoneidade para o Turismo Mariñeiro como é o caso da Costa da Morte presentan grandes problemas de comercialización por falta de oferta básica de calidade, poucas prazas de aloxamento, restaurantes que non cumpren as necesidades e expectativas do público obxectivo, etc.
– Falta de formación turística nos provedores de servizos de turismo mariñeiro que non están relacionados co turismo (redeiras, mariscadoras, etc) e, polo tanto, xeración de malas experiencias nos turistas. A excepción desta afirmación é Guimatur, que é un caso de éxito que de momento non se repite en Galicia.
O maior debate da xornada xurdiu sobre as visitas guiadas de turismo náutico e mariñeiro. As dúas posturas que se puxeron de manifesto foron relacionadas coa persoa que dirixe esta actividade. Por un lado, defendíase que esa persoa fose un Guía Oficial de Galicia e, polo outro, os propios traballadores do mar. ¿Séguese pensando realmente que as profesións turísticas poden ser levadas a cabo por calquera persoa que non pertenza ó sector? ¿Qué opinades deste debate? ¿Ata cando estaremos desvalorizados os profesionais do turismo?
Ás 14:00 h. fíxose entrega do III Premio Proturga á gañadora, Andrea Rey Roca, pola súa traxectoria profesional e colaborativa en turismo para, a continuación, rematar a xornada con un Xantar Networking, no que os asistentes compartiron as súas inquietudes sobre o sector.
- Publicado en Actividades, Foro, Turismo
Crónica do II Foro Proturga. Enoturismo en Galicia: Iniciativas, Experiencias e Retos.
O pasado 24 de maio celebrouse no Auditorio Municipal de Ourense o II Foro de Proturga co título Enoturismo en Galicia: Iniciativas, Experiencias e Retos. A escolla de Ourense como lugar de celebración viu marcada pola forte presenza da industria vitivinícola nesta terra xa que catro das cinco Denominacións de Orixe de Galicia atópanse na provincia ourensana.
O foro xirou ao redor de catro mesas redondas onde estiveron presentes diferentes profesionais relacionados co mundo do viño, da comunicación, da docencia universitaria, e do enoturismo.
Unha vez inaugurado o Foro por parte dos representantes políticos a xornada de mañá comezaba coa mesa que levaba por título Iniciativas, experiencias e retos dos Consellos Reguladores das Denominacións de Orixe de Galicia. A mesa versou sobre a historia destes entes e as iniciativas enoturísticas postas en marcha en cada un deles. As conclusións acadadas reflicten que aínda queda moito por facer en materia enoturística (non é sinxelo involucrar as adegas para desenrolar actividades enoturísticas); tamén revelouse a necesidade de crear un sistema para valorar a satisfacción do enoturista e así ir mellorando o servizo. En canto a comunicación entre as denominacións descubrimos que, curiosamente, a aplicación do whatsApp usase para tal fin.
A segunda mesa da mañá dedicábase ás Iniciativas, experiencias e retos das Rutas do Viño de Galicia. Nesta mesa falouse da necesidade de formación dos traballadores das adegas, a maneira de impulsar as Rutas do Viño, as accións levadas a cabo, como as coñecidas Xornadas de Portas Abertas nas Adegas de Galicia e o Bus do Viño, exemplos de iniciativas enoturísticas de éxito na nosa comunidade.
Unhas das conclusións claras foi que nas rutas do viño non só hai adegas para visitar senón que no entorno existen infinidade de recursos turísticos para complementar a oferta enolóxica, sexa patrimonio histórico-artístico, festas e romerías ou turismo náutico, entre outros.
A última mesa redonda da mañá estivo dedicada a aquelas empresas con actividades no eido do enoturismo. Entre elas atopábase Enoturismo Galicia, oTren Turístico da Ribeira Sacra Aba Sacra, a axencia especializada en enoturismo Tee Travel e La Alacena Roja revista especializada en gastronomía, turismo e viños. Con eles descubrimos que existen iniciativas tan interesantes como ser adegueiro por un día, un tour pola viticultura heroica da Ribeira Sacra, entre outras interesantes actividades enoturísticas.
Tras o xantar networking tivo lugar a entrega do premio á Mellor Traxectoria Profesional que foi recaer na socia Iria Caamaño, Guía Oficial de Galicia eDocente do Master Interuniveristario en Dirección e Planificación do Turismo da Universidade da Coruña.
E tras a entrega do galardón chegaba a quenda da mesa da tarde na que diferentes adegas (Pazo Baión, Adegas Valdavia e Adegas e Viñedos Vía Romana), contaban a súa experiencia co enoturismo. Os representantes das tres adegas coincidían en que hai que«Estar orgullosos do que facemos, creelo e trasmitilo» e que toda Galicia é un destino vitivinícola, polo que hai que vendelo como tal. Unha das principais problemáticas das que se falaron son os horarios de apertura das adegas, e a falta dun persoal formado (idiomas, orientación ó cliente), para a atención de visitantes durante os fins de semana e festivos, momentos de máxima afluencia de turistas.
Unha vez rematada a última mesa o foro cerrouse cunha cata de viños ofrecida polo sumiller Patxi Movilla, da Gastroteca SCQ onde os participantes tiveron a oportunidade de degustar viños galegos.
Pola nosa parte gustaríanos resaltar que a asociación fai posible este tipo de eventos grazas o esforzo e tesón dos que forman parte dela, xa que apenas conta con recursos económicos. Por iso non queremos deixar de dar as grazas ós nosos colaboradores e a súa predisposición á hora de formar parte do Foro. Agradecer a súa axuda ós socios e socias de Proturga que formaron parte da organización. Grazas tamén a todas as persoas que promocionaron o evento e tamén a aqueles que se achegaron ata Ourense. E a tod@s os que asistíchedes agradecervos a vosa presencia, esperamos que fose do voso agrado e vémonos no III Foro Proturga. Por certo, a seguinte edición será na provincia da Coruña, ocorréseche algún tema?
Fotos do Foro no seguinte enlace:
https://plus.google.com/photos/103663633616678800686/albums/6019537954260961089
- Publicado en Foro
Apartamentos Rodeiramar, a relaxing weekend…
O de pasar unha fin de semana no Morrazo ven como consecuencia do premio que tiven no I Foro Proturga sobre Turismo Deportivo que tivo lugar o 27 de Abril en Pontevedra. Por ter o número 4 tiven a oportunidade de gozar dunha finde completa nos Apartamentos Rodeiramar de Cangas. Fran -o dono- deixoume cambiar 2 noites para 2 persoas por unha para catro.
Crónica do premio Proturga, navegar pola ría de Vigo
O sábado 6 facía sol en Compostela, e en toda Galiza. Era a primeira finde de verán que facía bo e todas as praias galegas estaban ateigadas de xente. Nós os 4 fomos cara Ría de Aldán, para ir facendo tempo, pois quedaramos ás 21 horas con Fran. Comimos unhas racións na taberna que hai no porto (o Bar Muelle, pero máis coñecida como “la de Diego”), e que rico estaba todo: os mexilóns, as navallas, as xoubas, os pementos, o pulpo… todo! De feito logo vimos na rede que este bar o recomenda Merchi Rodal, a “larpeira”, no seu blog.
A verdade é que despois dun inverno bastante fresco e prolongado ter unha tarde de praia como a que tivemos agradécese. As praias do Morrazo estaban cheas (a última semana de xuño fixera frío e os hostaleiros estaban preocupados pola campaña de verán), pero como todos tivemos a sorte de gozar, non foi así. E despois de pasar a tarde na Praia de Pipín -entre sombra e chapuzón- ás 21 horas estábamos en Cangas.
Esperamos na recepción dos Apartamentos Rodeiramar2A e de seguido apareceron Fran e Merchi, co seu habitual derroche de simpatía, unha fortaleza do negocio. Fomos ata o clube náutico para ver o barco no que iamos durmir e navegar ao día seguinte, e tras unha ducha saímos a pinchar algo (estaban coaIII Feira da Tapa “Cangas sabe ben”), e cear. Facía unha noite tan agradábel que daba magoa abandonar a terraza que tan gustosamente ocupamos para tomar uns gintonics.
O domingo amenceu soleadísimo, era o presaxio dunha xornada na que ía facer unha calor abafante, como así foi. Almorzamos no Náutico, fixemos os preparativos (ducha, trikini, coletas…) e fomos mercar a comida e bebida para todo o día. Ás 12 chegou Fran e comezamos a navegar pola ría de Vigo. Unha magoa non poder ter ido cara Cíes, pero claro, xa se deran todos os permisos de fondeo…
O tráfico marítimo era tamén intensísimo, todo o mundo quixo aproveitar o primeiro domingo en condicións para saír a pasear no barco. Pasamos por diante da vella factoría Massó mentres Fran nos contaba os proxectos que houbo e as pretensións que os propietarios e concello tiñan (pra botarse a chorar!!).
E sobre a unha do mediodía estabamos xa pegándonos o primeiro chapuzón fronte a praia de Barra, tamén chea de veleiros.
Xusto despois de comer, e como tiñamos 2 buzos a bordo, miramos como se preparaban para a inmersión. Mentres, nós tomábamos o sol e nos tirábamos á auga para refrescarnos, mentres esperábamos que nos trouxeran a cea.
Xa de regreso para Cangas vimos ás Cíes e pensamos a ver cando íamos a ese paraíso natural. Alugar un día de veleiro (con ou sen patrón) a Fran sempre sería unha posibilidade.
Au revoir…
Escrito por Luis Mª Ulloa Guitián
- Publicado en Foro