O pasado sábado 9 de xaneiro tivo lugar a presentación dun dos eventos deportivos (e tamén turísticos) máis importantes do ano en Galicia. A LXXI edición de “La Vuelta Ciclista a España”. Galicia acapara a primeira semana da rolda con sete etapas con gran protagonismo para a provincia de Ourense como indica a propia denominación do percorrido “Ourense Termal – Madrid”.
Protuga foi convidada a esta presentación celebrada no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, presentada por Perico Delgado e Carlos de Andrés e retransmitida en directo por Teledeporte.
A gala organizouse en varias fases buscando o equilibrio entre a parte deportiva e a comercial con constantes alusións a épica do ciclismo e a participación de ciclistas como Álvaro Pino, Mikel Landa ou Oscar Pereiro
O mítico Perico Delgado realizou unha introdución moi ilustrativa da capacidade de “La vuelta” para dar a coñecer ao mundo os lugares polos que pasa. Lembrou o descubrimento das bateas pedaleando polas Rías Baixas e que agora chegaba o momento das paisaxe do interior e das augas termais e balnearios de Ourense. Confesouse usuario destes últimos e recomendounos como ideais para a recuperación dos deportistas.
Tomaron a palabra o Alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, O Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo e o Director de “La vuelta” Javier Guillén. Este último definiu as principais características desta rolda por etapas. Aposta por Galicia e Comunidade Valenciana, etapas curtas con chegadas en alto moi explosivas (Delgado lembrou o descubrimento das rampas do Mirador de Ezaro en 2012), dúas etapas raíñas (L’Aubisque e Mas de la Costa) e minimización dos traslados. Unhas proposta que busca gustar a audiencia nun ano marcado polos Xogos Olímpicos de Río de Xaneiro e que pode condicionar a participación dalgunhas estrelas.
O punto final e momento máis emotivo foi a homenaxe a Pablo Lastras, retirado do ciclismo despois dunha grave lesión. Recibiu unha gran ovación por parte do auditorio e o recoñecemento a unha carreira de casi 20 anos como ciclista profesional.
A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense foi a encargada de poñer o broche final a presentación dando paso aos pinchos e o networking.
Os organizadores destacaron o poder de “La vuelta” como axente de promoción turística motivado pola importante cobertura televisiva así polo interese que desperta entre unha audiencia potencial de máis de 1.000 millóns de telespectadores en todo o mundo. O impacto directo tamén é moi elevado e calcularon un consumo de unhas 3.000 prazas hoteleiras por parte dos compoñentes do pelotón só na provincia de Ourense. Calculan un retorno económico duns 1,5 millóns de euros tamén referidos a provincia de Ourense, a principal beneficiaria, pois será tomada como base de operacións por moitos equipos durante a primeira semana de carreira.
As etapa galegas de edición de La Vuelta Ciclista a España son:
1ª etapa 20 agosto: Balneario Laias – Parque Náutico de Castrelo de Miño (CRE)
2ª etapa 21 agosto: Ourense – Baiona
3ª etapa 22 agosto: Marín – Mirador de Ézaro
4ª etapa 23 agosto: Betanzos – San Andrés de Teixido
5ª etapa 24 agosto: Viveiro – Lugo
6ª etapa 25 agosto: Monforte – Luintra
7ª etapa 26 agosto: Maceda – Puebla de Sanabria
En resumo, a administración galega e sobre todo a Secretaría Xeral de Turismo e a Deputación de Ourense fan unha apostan moi forte por “La vuelta” como elemento de dinamización turística. As alusións á provincia termal serán continuas durante as xornadas previas e primeiras etapas para tocar referentes turísticos como Baiona, O Salnés, a Costa da Morte, San Andrés de Teixido, a Mariña Lucense, Lugo ou a Ribeira Sacra.
Sen dúbida estás zonas recibirán un importante extra de visitantes, de actividades e ingresos que deben ser tidos en conta como unha oportunidade deseñando estratexias para prolongar os efectos positivos de “La vuelta” os seguintes meses e temporadas.
En agosto poderemos comprobar si se cumpren as expectativas e dende Proturga animamos o debate sobre o impacto turístico deste tipo de eventos e a súa repercusión na imaxe e capacidade de atracción dos destino turísticos.
Autor: Emilio Cuíñas (socio de Proturga e socio de Autoxiro)