Descubrindo o Camiño de Inverno na Ribeira Sacra
Queremos compartir con vós un chisco do que foi esta experiencia de profesionais do turismo de #Proturga con #FacendoCamiño polo Camiño de Inverno da man de Mais que Románico no marco do programa de O Teu Xacobeo. Nesta ocasión, a nosa enviada especial Sandra Pérez, fíxonos un relato da xornada…
Nesta edición contamos con diferentes profesionais locais que nos transmitiron a súaa paixón pola Ribeira Sacra. Todos unidos polo mesmo fin: crer nas posibilidades que ten esta zona e crear unha rede colaborativa entre todos os axentes buscando un produto único. A xornada tivo unha visión multidisciplinar en todos os aspectos. Por unha banda: os relatos de diferentes perfís de profesionais cos que se contou, dende guías de turismo, antropólogo, biólogo, historiadores do arte e empresarios; e por outra, o descubrimento do que poden ofrecer os recursos da contorna do Camiño de inverno, patrimonio artístico e natural, gastronomía, tradición onde se consegue tocar a autenticidade do lugar…
A actividade comezou coa visita ao Ecomuseo de Arxeriz (O Saviñao) onde se fixo a presentación da xornada por parte de Proturga e da empresa Máis que Románico. Aquí ademáis entregamos o material informativo sobre o Camiño de Inverno e da Ribeira Sacra aos asistentes.
Visitamos o conxunto e as salas expositivas nas que o antropólogo Xabier Viana da Asociación Folión de Carros de Chantada falou do Entroido Ribeirao como Patrimonio Inmaterial na Ribeira Sacra (folións, aturuxos e Entroido) como un ben a preservar e transmitir ás xeracións máis novas. A importancia deste tipo de Patrimonio na Ribeira Sacra é relevante xa que se inclúe dentro dos valores destacables á candidatura a Patrimonio da Humanidade. Por outra banda fíxose unha reflexión sobre o aumento de visitantes nos últimos anos a este tipo de eventos (grazas aos novos medios de comunicación) e indicando os perigos de non coñecer o funcionamento causando problemas no discorrer do evento.
A continuación realizamos unha visita á igrexa de San Paio de Diomondi a cargo dunha guía oficial e historiadora da arte veciña de Diomondi que nos introduciu no románico da Ribeira Sacra. Este recurso atópase a poucos metros do quilómetro 100 do Camiño de Inverno para chegar a Santiago dende onde puidemos comezar o percorrido dun tramo do Camiño. Grazas ao acompañamento do biólogo e guía de turismo Diego Reboredo púidose coñecer en profundidade os recursos naturais: especies arbóreas, os aproveitamentos da contorna por parte da poboación local ou a orografía, entre outros. Incidiuse tamén na preservación deste medio e déronse recomendacións de sostibilidade ao respecto.
No traslado para a comida recibíronse explicacións sobre os servizos turísticos da área así como das embarcacións do río Miño que realizan percorridos na área de Belesar.
A comida networking tivo lugar na Adega Vía Romana onde se gozou do catering con produtos da zona do restaurante sito en Chantada, Os Pendellos: empresa que colabora con adegas para ofrecer este tipo de servizos aos visitantes.
Tras a comida realizouse outro tramo dende Belesar ata Chantada gozando da paisaxe e da arquitectura tradicional compartindo experiencias entre os participantes. Que ben o pasamos…
A xornada proseguiu coa visita á queixería Airas Moniz, industria agroalimentaria ao pé do Camiño de Santiago onde nos falaron das múltiples posibilidades gastronómicas da Ribeira Sacra da zona.
O día finalizou coa visita por parte de Bea Pereira de Máis que Románico, ao Mosteiro de San Salvador de Asma. Indicar que durante o día participaron outras persoas que conforman esta empresa dedicada á difusión do románico da Ribeira Sacra: Daniel, Begoña, María, Juanjo e Noelia. En San Salvador de Asma púidose contemplar un bo exemplo do rómanico e tamén falar da preservación deste tipo de patrimonio histórico.
A xornada finalizou cunha posta en común das impresións dos participantes sobre o camiño e aspectos a mellorar así como das súas fortalezas. Neste senso enviouse a enquisa de opinión a todos os asistentes cos que posteriormente se realizará un análise obtendo conclusións do mesmo.
A clausura da xornada correu a cargo da organización contando coa presenza de Sandra Seara, Xerente do Consorcio Turístico de Ribeira Sacra.
Animamos a todos e a todas os profesionais do noso sector, a que se anoten nas próximas saídas de #FacendoCamiño porque realmente están a ser, auténticas experiencias onde compartimos coñecemento, información… porque PROTURGA… somos TOD@S.
- Publicado en Facendo Camiño